Saturday 04 de May de 2024

Teatro do Improvisto abre esta fin de semana a XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame, que reunirá a seis grupos


A Casa da Cultura acollerá todas as actuacións, de entrada gratuíta, que terán lugar entre o 16 de outubro e o 20 de novembro

A Asociación Cultural Toxos e Carrouchas, en colaboración coa Concellería de Cultura de Lousame e a Deputación da Coruña, organiza a XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame. Será o primeiro ano no que esta asociación cultural lousamiana asuma a organización do certame, que reunirá a seis compañías, dúas máis ca o ano anterior.

De feito, tan só dúas compañías repiten con respecto á anterior edición: Teatro do Improvisto (Boiro) e Tastarabás Teatro (Lousame), que protagonizarán as dúas primeiras actuacións. Completarán o cartel AC TEC (Riveira), Bradomín Teatro (A Pobra) e Pinchacarneiro Teatro e Tolemia Teatro, ambas de Santiago de Compostela. Todas as actuacións terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Lousame os domingos ás 19:00 horas, coa excepción doutra das novidades deste ano: a sesión de teatro infantil da AC TEC, que terá lugar o sábado 29 de outubro ás 12:00 horas.

En todos os casos, as portas do auditorio abriranse cinco minutos antes de cada función. A entrada é totalmente libre e de balde. Iso si, unha vez que se abra o telón estará prohibido o acceso á sala para non molestar nin aos actores nin aos espectadores que chegaron en hora.

Programa

Teatro do Improvisto será a encargada de abrir esta XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame este domingo 16 de outubro, ás 19:00 horas, coa súa obra “P.O.E”, unha peza estreada o pasado mes de xullo pola compañía boirense para render homenaxe a Edgar Allan Poe. Os locais Tastarabás Teatro presentarán o domingo 23 de outubro, ás 19:00 horas, a súa nova obra: “Trastes… a conciencia”. Trátase dunha divertida comedia que os veciños e veciñas de Chave (Lousame) tiveron ocasión de coñecer este pasado domingo nunha pequena sesión de microteatro organizada por Tastarabás Teatro nunha vivenda da localidade. A última sesión do mes de outubro será a obra infantil: “Títeres en Igualdade”, presentada por Asociación Cultural TEC, composta por veciños e veciñas de Riveira e Porto do Son.

As actuacións de novembro comezarán o día 6 con Bradomín Teatro e a obra “As pretendientas”; e o día 13, con Pinchacarneiro Teatro e a peza “L”, unha comedia ambientada nunha peculiar festa de noitevella. A XII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame baixará o telón o domingo 20 de novembro coa actuación de Tolemia Teatro e a súa obra “Quérote… ergo sum”, unha versión moi libre de Romeo e Xulieta.